Wednesday 08 de May de 2024

En marcha a renovación da rede de pluviais, saneamento e pavimentación das rúas Prado, Rocapellón e Campo da Agra en Corrubedo


 

O Concello de Riveira informa de que está en marcha unha actuación dirixida á renovación das liñas de saneamento e pluviais e da pavimentación das rúas Prado, Rocapellón e Campo da Agra: as tres situadas na parroquia de Corrubedo.

As obras están a ser executadas por Construcciones Ponciano Nieto, S.L. Comporta un investimento de 36.105 euros, IVE incluído. A acción, financiada no marco do POS+ da Deputación, ten un prazo de execución de tres meses.

Actualmente, tanto a rúa Rocapellón como a rúa do Prado carecen de rede separativa de tal xeito que as augas residuais e pluviais son canalizadas por un único colector de formigón. No que se refire á rúa Campo da Agra, as acometidas das augas residuais domiciliarias están conectadas a unha tubaxe de formigón que desemboca nun emisario da praia do Prado en lugar de estar dirixidas ao bombeo do Prado que conecta á súa vez coa EDAR de Corrubedo. Por outra banda, os pavimentos de aglomerado e formigón están bastante deteriorados.

O obxectivo que persegue o proxecto reside en eliminar os vertidos das augas residuais ao medio mariño e conducilas á EDAR de Corrubedo, ademais de crear unha rede de saneamento para que chegue menos cantidade de augas pluviais aos bombeos, o que redundará nun mellor funcionamento destes e da propia estación depuradora.

Para lograr este obxectivo se van a realizar as seguintes actuacións:

Na rúa Campo da Agra conectaranse as acometidas domiciliarias de augas fecais e o colector que descorre pola rúa Rinchador á tubaxe de PVC instalada con motivo da instalación dos colectores e a EDAR de Corrubedo. En canto ao colector de formigón existente, utilizarase para a recollida de augas pluviais.

Na rúa do Prado se instalará un novo colector de PVC para saneamento, ademais de realizar as acometidas de augas residuais das vivendas colindantes a este tubo.

Na rúa Rocapellón instalaranse dúas liñas independentes, unha para saneamento e outra para pluviais, conectando a cada unha as acometidas correspondentes.

En canto a pavimentos, na rúa do Prado e na rúa Campo de Agra se aglomerará cunha mestura bituminosa en quente en tanto que na rúa Rocapellón utilizarase adoquín prefabricado de formigón en cores gris e vermello.